jueves, 6 de febrero de 2014

Iniciamos unha Escola de Nais e Pais no Concello de Teo

O Concello pon en marcha unha escola de pais e nais cunha sesión mensual aberta

27/01/2014
 
A Concelleira de Educación, María Álvarez Garea, pon en marcha unha escola de pais e nais no Concello de Teo. Trátase dunha iniciativa que comezará este mércores cunha primeira sesión de traballo aberta a calquera persoa interesada, que se celebrará na Mediateca do Grilo ás 20:15 horas.
Segundo explica a concelleira unha escola de pais e nais “é un espazo de encontro, comunicación, formación e reflexión dirixido a mellorar a competencia educativa dos pais e nais con nenos/as escolarizados/as”. Está dirixido ás familias con nenos/as dos niveis educativos de infantil, primaria ou educación secundaria obrigatoria.
Está previsto facer cinco sesións, unha cada mes, de aquí a maio. En cada unha delas abordarase unha temática de xeito que cada familia poida participar en todas ou nas que lle resulten de maior interese pola idade dos seus fillos/as. A primeira sesión, este mércores 29 de xaneiro, falará da comunicación entre pais/nais e fillos/as centrándose naqueles aspectos que a dificultan e melloran. En febreiro a reunión será o mércores 26 e falarase de normas e límites tratando sobre os estilos educativos.
O mércores 19 de marzo será a seguinte xuntanza na que se tratarán os problemas de conduta falando das distintas etapas evolutivas e da aplicación de pautas educativas correctas. O mércores 23 de abril a escola de pais e nais terá como tema a adolescencia co obxectivo de que os pais teñan ferramentas para coñecer mellor esa etapa e minimizar as dificultades propias dese momento. A escola pecharase neste curso o 21 de maio cunha sesión sobre a influencia das novas tecnoloxías nos nenos/as dando pautas para usalas de xeito responsable.
Estas reunións de traballo terán unha metodoloxía aberta e flexible, na que se agarda a interacción e participación dos asistentes. Ademais combinarase a formación teórica dos pais e nais con actividades prácticas nas que poderán observar a aplicación dos contidos expostos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario